PROGRAMA DE ASESORAMENTO E REVITALIZACIÓN DO COMERCIO LOCAL (EXCLUSIVO SOCIOS CCU) 

 

Motivado polos continuos cambios aos que se expón o sector comercial, caracterizado polo seu gran dinamismo, así como a introdución das novas tecnoloxías nos sistemas de xestión e venda, o obxectivo deste programa é dotar aos comerciantes, traballadores e emprendedores do sector da distribución comercial asociados ao CCU Monforte das capacidades necesarias para desenvolver dun xeito o máis eficiente posible o seu traballo no punto de venda.

Durante aproximadamente seis meses, e en colaboración coa empresa especializada Bouzón Consultores, S.L., o CCU de Monforte poñerá en mans de todos aqueles asociados interesados un ambicioso servizo de asesoramento e consultoría adaptado ás necesidades reais do colectivo coa finalidade última de repercutir na cualificación dos traballadores do sector.

As adaptacións aos cambios no mercado fan necesario impulsar este programa que afonde no coñecemento do sector e a posta en valor dos novos modelos de xestión do punto de venda, así como a necesidade de asociarse para conseguir que aquelas actividades que se desenvolven de forma conxunta cobren unha maior relevancia, de maneira que o investimento de cada un dos comerciantes sexa menor.

O comercio urbano debe reinventarse e, para iso, os profesionais deben dar un salto máis e apostar pola calidade, a revitalización e o asociacionismo.

Coas accións que se propoñen neste programa perseguimos os seguintes obxectivos:

- Desenvolver accións de mellora na xestión comercial do punto de venda, fixando aqueles indicadores imprescindibles para a súa xestión e o manexo dos mesmos.

- Potenciar a implantación das novas tecnoloxías, os sistemas de calidade e de comercio sostible para conseguir un comercio axeitado ás novas tendencias do mercado.

- Fomentar a profesionalización e cooperación do sector, por medio do asociacionismo, para a consecución dun comercio máis competitivo e moderno.

- Tratar de reter unha porcentaxe do gasto que os residentes da Ribeira Sacra realizan nos equipamentos das grandes cidades próximas.

- Atraer un maior gasto dos residentes da area de influencia de Monforte.

- E como obxectivo último, a revitalización do comercio de Monforte.


ACCIÓNS A DESTACAR DO PROGRAMA DE REVITALIZACIÓN


  1. ANÁLISE DO MERCADO E A CONTORNA DO COMERCIO MONFORTINO

Coñecer a evolución e as últimas tendencias do Comercio moderno (supermercados, tendas especializadas, empresas de distribución, farmacias, tendas de equipamento do fogar, tendas de moda, etc.) e o equilibrio de forzas entre proveedores e comerciantes e as relacións cos proveedores como aliados das nosas estratexias.

 

  1. COMUNICACIÓN COMERCIAL

Os principais obxectivos da comunicación son os de informar, lembrar e persuadir ao cliente potencial sobre os produtos e servizos que ofrece a empresa e formar unha imaxe positiva da mesma.

Conseguir o obxectivo de enviar a mensaxe aos nosos clientes e asegurarnos de que este recibiu a mensaxe, comprendeuno e aceptouno, o que sen dúbida se manifesta no interese por parte do cliente nos nosos produtos ou servizos. Por tanto, en todo proceso de venda debe existir un proceso adecuado de comunicación.

 

  1. A MELLORA E A INNOVACIÓN DO COMERCIO DE MONFORTE

Dotar ao persoal do Comercio das ferramentas necesarias para a xestión axeitada do punto de venta.

Sensibilizar ao persoal do Comercio da importancia da innovación, aportando metodoloxías e ferramentas aplicables ao sector, que permitirán unha mellor xestión do negocio.

 

  1. ANÁLISE DAS NOVAS TENDENCIAS DO CONSUMIDOR E DO PUNTO DE VENDA (Shopping Experience)

Os actores do comercio están vivindo importantes momentos de cambio froito da forte competencia e dos novos hábitos de consumo. O desexo de maximizar a rendibilidade de cada negocio esixe un coñecemento actualizado do sector do "Retail" que posibilite anticipar futuras situacións e que garanta a continua adaptación ás necesidades do cliente de forma eficaz.

 

  1. FIXACIÓN DE ESTRATEXIAS PARA INCREMENTAR AS VENTAS DO COMERCIO

Dotar aos asociados dun mellor coñecemento das técnicas de negociación, coa finalidade de: satisfacer necesidades, coñecer como analizar as obxeccións establecendo as bases para a súa identificación, análise dos mecanismos do comportamento do cliente e aprender a usar as técnicas de peche máis axeitadas.

As distintas accións e servizos de asesoría e consultoría que engloban este ambicioso programa de revitalización do comercio de Monforte, dirixido en exclusiva a negocios asociados ao Centro Comercial Urbano de Monforte, terán lugar unhas de forma colectiva na nosa propia sede e outras de forma individualizada nos propios negocios dos comerciantes que se acollan ao programa.



 

AS EMOCIÓNS MOVEN O MUNDO…

…e soamente determinados lugares provocan algunhas delas.

Merca en Monforte, e... sinte #lemosía! 

© 2017 . Todolos dereitos reservados | Páxina oficial do CCU de Monforte | Diseño by 27400.com