PISTA DE PATINAXE (Semana Santa, do 7 ao 18 de abril)


Despois da espectacular acollida do ano pasado, e tras numerosas peticións por parte de moitos dos nosos asociados e clientes, o CCU volveu traer a pista de patinaxe a Monforte durante a pasada Semana Santa.
Por segundo ano, esta iniciativa, na que volveron participar todos os nosos asociados, aumentou notablemente a afluencia de clientes aos establecementos do CCU en busca de entradas para poder acceder á pista e gozar así dunha actividade inédita na nosa cidade ata o ano pasado.
Con esta campaña, ademais de incentivar as compras entre a nosa clientela habitual, logramos atraer a Monforte a xente de toda a comarca e mesmo a veciños das cidades máis próximas como Ourense ou Lugo.
Foi unha boa ocasión para que pais e fillos estreitaran lazos mentres se divertían xuntos á vez que interiorizaban a importancia de comprar no comercio local para poder seguir gozando deste tipo de actividades.
A pista permaneceu instalada doce días entre o 7 e o 18 de abril, dous días máis que o ano pasado, coincidindo coa Semana Santa e coa Feira Medieval da nosa cidade, datas con gran afluencia de visitantes que os establecementos asociados aproveitaron para abrir ata máis tarde facilitando as compras e a distribución das entradas para a pista.
Durante esta campaña distribuíronse algunhas entradas a través das nosas redes sociais e medios de comunicación aproveitando estas accións para incidir, unha vez máis, na importancia do comercio local como dinamizador da vida social e económica de Monforte.
A actividade foi, por segundo ano, todo un éxito, pasando pola pista ao redor das 3.500 persoas neses doce días.


AS EMOCIÓNS MOVEN O MUNDO…

…e soamente determinados lugares provocan algunhas delas.

Merca en Monforte, e... sinte #lemosía! 

© 2017 . Todolos dereitos reservados | Páxina oficial do CCU de Monforte | Diseño by 27400.com