PASARELA MONFORTE MONUMENTAL 2017 (13 de Maio)


Vendo a gran repercusión que para o comercio monfortino están a xerar ano tras ano as distintas pasarelas de moda profesionais que organizamos desde o CCU, nesta ocasión quixemos ir un paso máis aló e converter esta actividade nun día completo adicado ao mundo da moda, día que culminou coa Pasarela máis ambiciosa organizada ata o de agora en Monforte de Lemos.
Para dar ese salto de calidade, contamos coa colaboración dun equipo de recoñecido prestixio na organización deste tipo de eventos a nivel nacional que nos axudou a deseñar, organizar e executar unha actividade que queremos que se consolide ano tras ano como unha das citas máis importantes do panorama da moda en Galicia e, porque non, con repercusión a nivel nacional.
Con esta actividade tamén quixemos ligar o sector comercio ao do turismo, aproveitando este evento para difundir a espectacularidade do xeodestino turístico Ribeira Sacra, cuxa capitalidade ostenta Monforte de Lemos. Quixemos atraer a novos visitantes á nosa comarca aproveitando o binomio turismo-moda, mostrando a gran oferta comercial, gastronómica e de lecer da nosa comarca e cidade, punto de partida estratéxico á hora de visitar unha das zonas turísticas máis espectaculares da xeografía galega, a Ribeira Sacra.
Como novidade este ano, houbo diversas actividades ao longo da xornada destacando unha gran mostra do comercio monfortino que se celebrou desde a mañá na Praza do Campo da Compañía onde as tendas de roupa, calzado e complementos, xunto coas barberías, foron as grandes protagonistas.
O Día da Moda culminou entrada a noite coa pasarela de moda profesional máis ambiciosa organizada ata o de agora por esta asociación. Varias modelos profesionais pasaron a roupa, o calzado e os complementos das tendas de Monforte que nesta ocasión estiveron acompañadas por algúns dos deseñadores con máis tirón do momento a nivel nacional, como Leyre Valiente ou Moisés Castañeyra, que xunto coa modelo e Miss España María Reyes e o actor Antonio Espigares, como presentadores da gala, realzaron aínda máis este evento axudando a obter unha repercusión maior á doutros anos fóra da nosa comarca.
Uns días antes tamén se organizou un casting para seleccionar a seis nenos de Monforte que foron os encargados de desfilar durante a Pasarela Monforte Monumental coa roupa infantil.

AS EMOCIÓNS MOVEN O MUNDO…

…e soamente determinados lugares provocan algunhas delas.

Merca en Monforte, e... sinte #lemosía! 

© 2017 . Todolos dereitos reservados | Páxina oficial do CCU de Monforte | Diseño by 27400.com