#EUSINTOLEMOSÍA (Ano 2017)
Vivimos unha etapa complicada para o comercio local e neste contexto unha das nosas grandes bazas é contar coa complicidade dos nosos veciños e clientes, pero para iso é necesario conciencialos da importancia real que o comercio de proximidade ten para a súa cidade e para o seu propio benestar.
Aínda que os beneficios de comprar no comercio de Monforte parecen obvios, xéranse postos de traballo aquí, invístese na nosa cidade, multiplícanse as actividades de lecer, etc. de cando en vez é necesario lembrarllo, especialmente aos máis novos. Así xurdiu esta campaña que deseñamos en colaboración coa axencia monfortina Amanita Studio.
#EuSintoLemosía é unha campaña que, dunha forma divertida e alegre, pretende poñer en valor todo o noso, a nosa historia, cultura, monumentos, a espectacular Ribeira Sacra, o noso carácter, etc. e entre todo o noso tamén está o comercio local.
O termo lemosía, que xorde de xogar co Lemos do nome de Monforte, definímola como a "sensación de éxtase que todo monfortino experimenta ao rodearse dos seus por un tempo determinado", sensación que nos gustaría que todo o mundo puidese experimentar de primeira man e por iso convidámosvos a que pasedes por Monforte e... sintades a lemosía!
A campaña iniciouse coa intención de xerar curiosidade na xente, que se preguntasen que era iso da lemosía antes de explicalo. Contou con accións específicas para chegar a todos os públicos combinando ao longo de varias semanas acciones de márketing na rúa con accións nas redes sociais e nos medios de comunicación tradicionais. Utilizouse 'merchandising' específico e desenvolveuse unha campaña gráfica e audiovisual á que convidamos a que se sumasen todos os nosos veciños e turistas.
Aínda que é unha campaña que nace do comercio asociado de Monforte, queremos que vaia moito máis alá, que novos actores da nosa comarca se sumen a ela e chegar cada vez a máis xente. Queremos que sexa unha campaña que perdure no tempo.
AS EMOCIÓNS MOVEN O MUNDO…
…e soamente determinados lugares provocan algunhas delas.
Merca en Monforte, e... sinte #lemosía!