O RALLY DO COMERCIO 2026 MEDRA: TRES PREMIOS, TRES PERSOAS PREMIADAS E MÁIS FACILIDADES PARA PARTICIPAR
 
Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte pon en marcha unha nova edición do Rally do Comercio, unha das campañas máis atractivas do calendario comercial local, que este ano chega con novidades importantes para animar aínda máis a participación.
 
A edición de 2026 medra e farao con tres premios para tres persoas diferentes: o gran premio de 3.200€ en compras gratuítas, unha Experiencia Ferrari en Monforte e 200€ (4 vales de 50€) para gastar nos establecementos participantes.
 
Ademais, hai outro cambio moi relevante: só será necesario estar presente fisicamente no momento do sorteo para optar ao premio principal de 3.200€. No caso da Experiencia Ferrari e dos 200€ en valesnon será preciso acudir ao sorteo, polo que participar no Rally do Comercio 2026 é agora máis doado e atractivo ca nunca.
 
 
COMO PARTICIPAR?
Participar é moi sinxelo. As persoas que realicen compras nos 32 establecementos participantes (Ver as Bases do Rally, a continuación) deberán anotar no ticket de compra o seu nome, apelidos, DNI e teléfono de contacto e depositalo na urna habilitada no propio establecemento.
 
Os tickets serán válidos desde o 1 de abril de 2026 e poderán depositarse nas urnas ata que estas sexan retiradas dos negocios participantes minutos antes do sorteo.
 
Cantas máis compras realices e máis tickets deposites, máis posibilidades terás de resultar premiado ou premiada!
 
 
CANDO SERÁ O SORTEO?
O sorteo celebrarase o xoves 23 de abril ás 20.40 horas na Praza de España de Monforte de Lemos.
 
 
TRES PREMIOS, TRES OPORTUNIDADES DE GAÑAR
O Rally do Comercio 2026 contará con tres premios:
Premio principal: 3.200€ en compras gratuítas, a razón de 100€ en cada un dos 32 establecementos participantes.
Segundo premio: unha Experiencia Ferrari en Monforte, para gozar o sábado 16 de maio.
Terceiro premio: 200€ en 4 vales de 50€, para gastar nos establecementos participantes ata o 9 de maio.
 
Cada persoa participante só poderá obter un único premio, polo que esta edición permitirá que tres persoas diferentes resulten premiadas.
 
 
PRESENZA NO SORTEO: SÓ PARA O PREMIO GRANDE
Para optar ao premio principal de 3.200€, será imprescindible estar presente fisicamente no momento do sorteo na Praza de España.
 
Pola contra, no caso da Experiencia Ferrari e dos 200€ en vales, non será necesario estar presente, xa que a organización contactará posteriormente coas persoas premiadas.
 
 
O GRAN DÍA DO RALLY DE COMPRAS
A persoa gañadora do premio principal vivirá o auténtico Rally do Comercio 2026 o venres 24 de abril, cun total de 7 horas para gastar os 3.200€ nos establecementos participantes, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.
 
Unha xornada moi especial que converterá Monforte nun escaparate vivo do comercio local e nunha auténtica festa das compras para unha persoa cliente do CCU.
 
 
MERCA NO COMERCIO LOCAL ASOCIADO E ENTRA NO SORTEO
Co Rally do Comercio 2026, o CCU de Monforte volve apostar por unha campaña que incentiva as compras no comercio local asociado, premia a fidelidade da clientela e converte cada compra nunha oportunidade real de gañar.
 
Este abril, participar no Rally do Comercio é máis fácil, máis aberto e con máis premios ca nunca. Merca, garda o teu ticket, deposítao na urna e entra no sorteo!
 
 
 
 
BASES DO SORTEO “RALLY DO COMERCIO 2026”
 
1. O “Rally do Comercio 2026” é unha campaña de dinamización comercial organizada polo Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte, coa participación de 32 establecementos comerciais asociados.
 
2. Os 32 establecementos comerciais asociados ao CCU de Monforte que participan no “Rally do Comercio 2026” son os seguintes:
Terras de María Castaña, Mercería Carmen, Imprenta Fénix, Bazar Lago, Librería Entre Libros, Alain Afflelou, FYM Moda, Intersport Bouso, Da Nosa Terra, Nayades, Carpe Diem, Cactus Rose, Librería Agrasar, Calzados Losal, Sabrina Moda, Domingo Joyeros, Ortopedia Buitrón, Intima's Lencería, Papelería Cruceiriño, Chuladas y Más, Mercería Amarita, Las Agujas de Su, Chus Boutique, Ortopedia Cadaya, Carnicería Real, Carnicería Victor Manuel, Garden Monforte, Ferretería Arandelas, Abrente Second Life PC's, Adrián Salgado Óptica e Audición, Los Sueños de Uxía e Librería Pelayo.
 
3. A campaña ten como obxectivo incentivar as compras no comercio local asociado e premiar a fidelidade da clientela.
 
4. A campaña desenvolverase entre o 1 e o 23 de abril de 2026. Poderán participar no sorteo os tickets de compra emitidos desde o 1 de abril de 2026 e depositados nas urnas habilitadas nos establecementos participantes ata o momento en que estas sexan retiradas minutos antes do sorteo.
 
5. Durante o período de vixencia da campaña, as persoas clientes que realicen compras nalgún dos 32 establecementos participantes poderán participar no sorteo de tres premios:
 
- un premio principal de 3.200 € en compras gratuítas
- un segundo premio consistente nunha Experiencia Ferrari en Monforte
- un terceiro premio de 200 €, repartido en 4 vales de 50 €.
 
Só poderán participar no sorteo persoas físicas maiores de idade, residentes no territorio nacional.
 
6. Para poder participar, as persoas clientes deberán anotar no ticket de compra os seus datos persoais: nome, apelidos, DNI e teléfono de contacto, e depositalo nalgunha das urnas habilitadas para este fin nos establecementos participantes. Cantas máis compras realicen e máis tickets depositen nas urnas, máis posibilidades terán de resultar premiadas.
 
7. As persoas propietarias dos negocios asociados ao CCU de Monforte non poderán participar no sorteo, con independencia de que os seus establecementos participen ou non nesta campaña.
 
PREMIO PRINCIPAL
8. Premio principal: 3.200 € en compras gratuítas
- A persoa gañadora do premio principal terá dereito a realizar compras gratuítas por un valor máximo de 100 € en cada un dos 32 establecementos participantes, o que supón un premio total de 3.200 €. O CCU de Monforte será o encargado de asumir o pagamento desas compras, ata un máximo de 100 € por establecemento.
- A persoa premiada non estará obrigada a visitar os 32 establecementos participantes, pero, no caso de non facelo ou de non lle dar tempo dentro do horario establecido, perderá o dereito ao importe correspondente aos establecementos que non visite. Se nun establecemento realiza unha compra inferior a 100 €, a diferenza perderase. Se a compra supera os 100 €, o importe restante será aboado pola propia persoa premiada.
 
SEGUNDO PREMIO
9. Segundo premio: Experiencia Ferrari en Monforte
- O segundo premio consistirá nunha Experiencia Ferrari en Monforte, que se desenvolverá o sábado 16 de maio de 2026, en horario a determinar pola organización, e que permitirá á persoa premiada conducir un Ferrari F430 F1 nun traxecto aproximado de 15 quilómetros, sempre que cumpra os requisitos establecidos nestas bases e os que poidan ser esixidos pola organización ou pola empresa responsable da actividade.
- Para poder gozar deste premio será imprescindible ser maior de idade. No caso de que a persoa premiada desexe gozar da experiencia como condutora, deberá dispoñer de permiso de condución vixente e válido en España, así como cumprir todas as condicións técnicas, de seguridade e de uso establecidas pola organización e/ou pola empresa responsable da actividade.
- No caso de que a persoa premiada non dispoña de permiso de condución vixente e válido, poderá gozar igualmente da experiencia como acompañante ou pasaxeira, sempre que a modalidade concreta da actividade o permita e que cumpra os requisitos de seguridade establecidos.
- A organización resérvase o dereito de adaptar o horario, o percorrido ou as condicións de desfrute da experiencia por motivos técnicos, organizativos, meteorolóxicos ou de seguridade, sen que iso dea dereito a compensación económica ningunha.
 
TERCEIRO PREMIO
10. Terceiro premio: 200 € en 4 vales de 50 €
- O terceiro premio consistirá en 4 vales de 50 € cada un, por un importe total de 200 €, para gastar nos establecementos participantes no “Rally do Comercio 2026”.
- Cada vale deberá canxearse integramente nun único acto de compra e só poderá empregarse un vale por establecemento, polo que os 4 vales deberán gastarse en catro establecementos distintos dos participantes na campaña. No caso de que a compra sexa inferior ao valor do vale, a diferenza perderase. Se a compra supera os 50 €, a diferenza será aboada pola persoa premiada.
- Os vales poderán canxearse ata o sábado 9 de maio de 2026, incluído. Transcorrido ese prazo, perderán a súa validez.
 
PREMIO ÚNICO POR PERSOA
11. Cada persoa participante só poderá resultar agraciada con un único premio no marco do “Rally do Comercio 2026. No caso de que unha mesma persoa resulte seleccionada para máis dun premio, consolidará unicamente o primeiro premio que lle corresponda segundo a orde de extracción establecida nestas bases, perdendo o dereito aos premios posteriores.
Nese caso, procederase á extracción dun novo ticket para adxudicar o premio ou premios restantes, coa finalidade de que os tres premios sexan para tres persoas diferentes.
 
CELEBRACIÓN E MECÁNICA DO SORTEO
12. O sorteo presencial celebrarase o xoves 23 de abril de 2026, ás 20.40 horas, na Praza de España de Monforte de Lemos.
- Cada un dos 32 establecementos participantes disporá da súa propia urna, na que irá depositando os tickets de compra das persoas participantes durante o período de vixencia da campaña. O día do sorteo, as urnas serán retiradas dos establecementos e trasladadas ao lugar de celebración do mesmo.
- Unha vez na Praza de España, extraerase de maneira aleatoria un ticket de cada unha das 32 urnas, de forma que se seleccionarán inicialmente 32 tickets, un por cada establecemento participante. Eses 32 tickets introduciranse nunha urna final común, da que sairán, tamén por extracción aleatoria, os tickets premiados.
 
A orde de extracción dos premios desde esa urna final será a seguinte:
- Terceiro premio: 200 € en 4 vales de 50 €, e un ticket de reserva.
- Segundo premio: Experiencia Ferrari en Monforte, e un ticket de reserva.
- Premio principal: 3.200 € en compras gratuítas.
 
REGRAS ESPECÍFICAS DO SORTEO DO PREMIO PRINCIPAL
13. Para poder ser considerada gañadora do premio principal, será imprescindible que a persoa titular do ticket extraído estea presente fisicamente no lugar do sorteo no momento da extracción.
Unha vez extraído o ticket, a organización concederá un prazo máximo de 2 minutos para que a persoa agraciada se identifique. Se non comparece nese tempo, perderá o dereito ao premio e procederase á extracción dun novo ticket, e así sucesivamente, ata atopar unha persoa gañadora válida e presente.
A persoa gañadora deberá identificarse mediante DNI ou documento equivalente en vigor.
 
REGRAS ESPECÍFICAS DO SORTEO DOS PREMIOS SECUNDARIOS
14. No caso do segundo premio, Experiencia Ferrari en Monforte, e do terceiro premio, 200 € en vales, non será necesario estar presente fisicamente no momento do sorteo.
Unha vez extraídos os tickets gañadores, a organización intentará contactar coas persoas agraciadas a través do teléfono indicado no ticket. No caso de que algunha delas non cumpra os requisitos establecidos nestas bases, renuncie expresamente ao premio ou non poida ser localizada, o premio pasará á persoa de reserva correspondente.
 
DESFRUTE DO PREMIO PRINCIPAL
15. A persoa gañadora do premio principal deberá gozar do mesmo obrigatoriamente o venres 24 de abril de 2026, no horario fixado pola organización: de 10.00 h a 14.00 h e de 17.00 h a 20.00 h, o que supón un máximo de 7 horas para realizar as compras.
Durante o transcurso do Rally, a persoa premiada irá acompañada en todo momento por algún responsable do CCU de Monforte.
 
CESIÓN DOS PREMIOS
16. A persoa premiada poderá ceder o seu premio a outra persoa maior de idade, sempre que o comunique á organización con antelación suficiente e que a persoa designada cumpra todos os requisitos establecidos nestas bases.
No caso da Experiencia Ferrari, a persoa que reciba a cesión deberá cumprir igualmente os requisitos esixidos para a modalidade na que vaia gozar do premio, xa sexa como condutora ou como acompañante/pasaxeira.
 
LIMITACIÓNS XERAIS
17. Os premios non poderán ser trocados por diñeiro en efectivo nin por ningún outro produto, servizo ou prestación distinta das previstas nestas bases.
- É responsabilidade das persoas premiadas verificar o estado dos produtos adquiridos antes de abandonar cada establecemento. Calquera reclamación posterior deberá ser tratada directamente co establecemento correspondente, sen prexuízo dos dereitos que poidan corresponder ás persoas consumidoras conforme á normativa vixente.
- O CCU de Monforte resérvase o dereito a modificar, suspender, adiar ou cancelar total ou parcialmente a campaña ou os premios no caso de forza maior, así como a excluír da promoción a calquera persoa participante no caso de detectar irregularidades, fraude ou incumprimento destas bases.
 
PUBLICIDADE E IMAXE
18. As persoas premiadas autorizan á organización do “Rally do Comercio 2026” a publicar o seu nome e apelidos, así como a utilizar a súa imaxe en fotografías, vídeos ou outros materiais de difusión, en calquera medio relacionado coa campaña e coa súa promoción.
 
ACEPTACIÓN DAS BASES
19. A participación no sorteo implica a aceptación íntegra destas bases.
 
PROTECCIÓN DE DATOS
20. O CCU de Monforte tratará os datos persoais facilitados polas persoas participantes coa finalidade exclusiva de xestionar a campaña, realizar o sorteo, contactar coas persoas premiadas e tramitar a entrega e desfrute dos premios.
Os datos non serán cedidos a terceiros, salvo obriga legal ou na medida estritamente necesaria para a xestión dos premios. As persoas participantes poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión e demais dereitos recoñecidos pola normativa vixente en materia de protección de datos, dirixíndose por escrito ao CCU de Monforte.

 

AS EMOCIÓNS MOVEN O MUNDO…

…e soamente determinados lugares provocan algunhas delas.

Merca en Monforte, e... sinte #lemosía! 

© 2025 . Todolos dereitos reservados | Páxina oficial do CCU de Monforte | Diseño by 27400.com